O IES República Oriental do Uruguai educa o seu alumnado como cidadáns de pleno dereito nunha sociedade plural e democrática, cunha dimensión europea e internacional.
Promove a participación en programas e proxectos educativos para o desenvolvemento das competencias clave e a adquisición dunha sólida formación humanística e científica.
Defende un modelo que implique a todos os actores do proceso educativo: alumnado, familias, profesorado e sociedade.
Núcleos de actuación:
A distribución dos espazos interiores e exteriores do centro caracteriza o proxecto educativo do centro.
Aulas materia: os nosos alumnos móvense de aula en cada hora, para ir á que lle corresponda segundo o seu horario. En cada aula hai material específico. Por esa razón, temos armariños individuais na planta baixa do centro.
A Ágora: situada na parte central do vestíbulo, trátase dunha zona pensada para o alumnado. Nela facemos exposicións e o alumnado le, relaciónase, comparte e aprende.
A biblioteca: mantén unha colección de libros e películas actualizada, que ten en conta as preferencias do alumnado. É sede de clubs de lectura en diferentes idiomas, club de cómic e moitas outras actividades.
Estudio de radio: o noso centro participa no proxecto Radio na Biblio, co cal se busca desenvolver o modelo de biblioteca tradicional e a competencia informacional e mediática do alumnado, ampliar as linguaxes presentes na bilbioteca e fomentar a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo. A radio actúa como unha ferramenta pedagóxica máis.
Polo creativo: espazo con estacións multimedia de procesado de audio e vídeo, impresoras 3D, fresadora CNC, pequena ferramente eléctrica, máquina de coser, ordenadores etc.
Aulas de informática: dúas aulas con máis de 25 ordenadores en cada unha.
Laboratorio de Física.
Laboratorio de Química.
Laboratorio de Bioloxía.
Aula de Debuxo.
Aula de Música.
Aula-Taller de Tecnoloxía.
Pavillón e zonas deportivas.
Salón de actos con capacidade para trescentas persoas.
Xardíns interiores e exteriores como espazo de lecer para o alumnado nos recreos.
Cafetería.
Temos unha ANPA que organiza diferentes actividades no centro para os luns ó mediodía: guitarra, tenis de mesa, xadrez... Ademais, tamén para os luns ó mediodía organizamos unha hora de estudo que o alumnado pode aproveitar para realizar as súas tarefas escolares e estudar.
Os departamentos de Inglés e Francés preparan tamén o alumnado para a realización das probas de acreditación da competencia lingüística en diferentes niveis. As probas son organizadas por centros certificados.
A ANPA participa na vida do centro e colabora con diversas actividades e concursos do instituto e para o instituto. Programa varias actividades extraescolares para o alumnado, que se desenvolven os luns ó mediodía. Ademais, organiza charlas para as familias e xunto co equipo directivo pon en marcha unha escola de nais e pais.
Para o noso centro é irrenunciable a mellora da calidade educativa, a garantía de igualdade de oportunidades e a capacitación do alumnado a través das competencias clave.
Para conseguir este obxectivo, o IES ROU participa en distintos programas e proxectos de innovación educativa e mellora do éxito escolar que implican a toda a comunidade educativa do instituto. Na actualidade están en funcionamento os seguintes plans e proxectos:
E-Dixgal en todos os cursos da ESO: E-Dixgal é un proxecto que impulsa un modelo educativo híbrido (recursos analóxicos e dixitais) para fomentar a implantación das TIC nos procesos de ensino e aprendizaxe. Proporciona acceso á rede Abalar, libros de texto e repositorios de contidos dixitais para o desenvolvemento das actividades lectivas do centro e o enriquecemento do procesos de aprendizaxe.
Bacharelato de excelencia STEMbach para alumnado do 1º e o 2º curso. Este alumnado realiza ó longo do bacharelato un proxecto de investigación dirixido por profesorado do instituto en coordinación con docentes das universidades galegas. Ademais, participa en actividades específicas relacionadas co proceso de elaboración dun proxecto de investigación e co ámbito específico no que se estea a desenvolver o seu traballo (seminarios, prácticas, ensaios en laboratorios, visitas ós centros universitarios, etc.). O programa remata coa exposición e defensa do proxecto de investigación ante un tribunal na universidade.
Polo creativo: é un espazo educativo que conta cun deseño innovador e equipamento especializado, e que se constitúe como un centro de actividades onde se traballan a intelixencia artificial e outras tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual e a impresión 3D, as tecnoloxías de control por ordenador e fabricación aditiva, o mecanizado de diferentes materiais, a electromecánica, a robótica e os microcontroladores.
Club de lectura ROULEMOS: o noso club de lectura está en funcionamento dende o ano 2008 e cada curso constitúense diferentes grupos de alumnado, pero tamén de persoas adultas (profesorado + familias). Os grupos de lectura configúranse en función dos participantes e os seus intereses: literatura en xeral, teatro, poesía, banda deseñada, idiomas estranxeiros, cine...
Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE): o noso centro está integrado no PLAMBE dende o curso 2015-2016. Grazas á nosa participación neste plan recibimos fondos para renovar as instalacións e o mobiliario da biblioteca e tamén, principalmente, para renovar os nosos fondos e organizar actividades relacionadas coa lectura, a escritura e o acceso á información. Ademais, dende a biblioteca do centro proponse unha liña temática plurianual para que dende a materia Proxecto competencial, pero tamén dende calquera materia en xeral se desenvolvan traballos por proxectos. Despois de traballar sobre o libro nos camiños da cultura occidental por períodos históricos e os obxectivos de desenvolvemento sostible, no curso 2025-2026 abrimos unha nova liña dedicada ós continentes (cada curso un continente).
Radio da biblio: programa asociado á biblioteca no que participa o centro dende hai varios anos e que nos permitiu crear un laboratorio de radio para aumentar o repertorio de linguaxes presentes na biblioteca, fomentar a expresión oral e a alfabetización múltiple do alumnado, e poñer en práctica outra vía para que o alumnado aprenda a traballar con información e transformala en coñecemento. Dende o laboratorio realízanse entrevistas, preséntanse novas, emítense partes meteorolóxicos, fálase sobre literatura e escritores, publícanse recomendacións lectoras...
Club de ciencia: investigacións biolóxicas, xeolóxicas, físicas e químicas nos laboratorios, cultivos no horto escolar, proxectos matemátios e deseño no polo creativo.
Plan Proxecta+: participamos en diferentes liñas de traballo dentro deste plan. A máis "veterana" é a relacionada co programa Meteoescolas, que permite o fomento da innovación educativa a través de proxectos de investigación que promoven o traballo cooperativo, interdisciplinario e por competencias en relación co clima, o tempo, o medio ambiente e, en xeral, a ciencia e a tecnoloxía.
Plan de Formación Permanente do Profesorado: plan de formación continua desenvolto no centro con diferentes liñas de formación para o profesorado adaptadas ós seus intereses e os do centro e as súas necesidades.
O centro conta con dúas liñas de transporte.
A liña 1, que percorre a rúa Aragón, Jenaro de la Fuente e Travesía de Vigo ata o centro.
A liña 2, que parte do Areal e percorre as rúas García Barbón e Sanjurjo Badía ata o centro.
O centro dispón dun servizo de cafetería que o alumnado pode utilizar durante os períodos de lecer e o mediodía dos luns (sempre que participe nalgunha das actividades previstas), reservando previamente a comida.
vigo.org