O Concello de Vigo presenta aquí información facilitada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia que fai referencia aos procedementos de admisión e matrícula nos centros públicos e concertados da comunidade autónoma de Galicia para os seguintes niveis educativos: Segundo ciclo de Educación Infantil (de 3 a 6 anos), Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato.
Calendario do procedemento de admisión e matrícula para o curso escolar 2024/25 (segundo a Disposición Adicional Primeira da Orde 21/10/2022 publicada no DOGA nº 212 de data 8 de novembro de 2022)
Para o curso escolar 2024/25 os prazos previstos nesta orde para a tramitación dos procedementos de admisión e de matrícula do alumnado, son os seguintes:
Reserva de praza para o centro ao que se estea adscrito |
15 de xaneiro - 4 de febreiro |
Publicación da listaxe do alumnado con posto reservado |
22 de febreiro |
Sorteo público a efectos de desempate |
Última semana febreiro e antes do 1 de marzo |
Publicación de postos escolares vacantes |
Antes do 1 de marzo |
Presentación en prazo ordinario de solicitudes de admisión |
01 - 20 de marzo |
Presentación documentación acreditativa dos criterios de baremo |
10 días hábiles contados a partires dos 2 días seguintes ao remate do prazo para presentar as solicitudes de admisión |
Publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas |
25 de abril |
Prazo de reclamación contras das listaxes provisionais |
5 días hábiles contados a partir do seguinte á data de publicación das listaxes provisionais |
Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido |
15 de maio |
Formalización da matrícula en educación infantil e primaria |
20 - 30 de xuño |
Formalización da matrícula en ESO e bacharelato |
23 de xuño - 7 de xullo |
Un dos requisitos exixidos para a admisión do alumnado nas escolas de Vigo é presentar o certificado de empadroamente do Concello de Vigo. Pica neste enlace para solicitalo na web do concello.
Segundo a Orde do 21 de outubro de 2022, pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C) (publicado DOGA n.º 212 do 08/11/2022); salientamos os puntos máis relevantes no proceso de admisión de alumnado en centros docentes públicos e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2024/25.
Recoméndase descargar e ler a Orde 21/10/2022 na súa totalidade para despexar as dúbidas que teña. Na columna dereita (Arquivos adxuntos) dispón da documentación completa.
Artigo 13 ao 25. Criterios de admisión do alumnado e puntuación
Cando o número de solicitudes de admisión presentadas en prazo sexa superior ao de postos dispoñibles no centro, valoraranse os seguintes criterios para fixar unha orde de prelación:
- a) Por unha irmá ou un irmán matriculados no centro: oito puntos; polo segundo e seguintes, dous puntos por cada un, co máximo de catorce puntos.
- b) Proximidade ao centro docente do domicilio familiar ou do lugar de traballo.
1º. Por proximidade do domicilio familiar: se está na área de influencia do centro, oito puntos; se está en áreas limítrofes á área de influencia do centro, catro puntos.
2º. Por proximidade do lugar de traballo: se está na área de influencia do centro, seis puntos; se está en áreas limítrofes á área de influencia do centro, tres puntos.
- c) Por renda per cápita da unidade familiar. A puntuación, por referencia ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) do exercicio fiscal ao que corresponde a renda, será a seguinte:
1º. Se é inferior a 0,5 veces o IPREM: tres puntos.
2º. Se é igual ou superior a 0,5 e inferior a 0,75 veces o IPREM: dous puntos.
3º. Se é igual ou superior a 0,75 e inferior ao IPREM: un punto.
4º. Se é igual ou superior ao IPREM: cero puntos.
- d) Por persoa proxenitora, titora ou acolledora traballadora do centro docente tres puntos, con independencia de que traballen ambas.
- e) Por familia numerosa: de categoría especial, tres puntos; de categoría xeral, dous puntos.
- f) No caso de irmáns nados dun parto múltiple, sempre que soliciten o mesmo centro, corresponderanlles oito puntos se son dous e dez puntos se son máis de dous.
- g) No caso de familia monoparental: dous puntos.
- h) Por discapacidade igual ou superior ao 33 % dos membros computables da unidade familiar, a puntuación indicada a seguir co máximo de catro puntos:
1º. Alumno/a: catro puntos.
2º. Calquera das persoas proxenitoras, titoras ou acolledoras, ou o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade á persoa proxenitora: tres puntos.
3º. Calquera das irmás ou dos irmáns: un punto por cada un.
Así mesmo, terá esta consideración a percepción da pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
- i) Por condición de vítima de violencia de xénero de calquera dos membros computables da unidade familiar: dous puntos.
- j) Por condición de vítima de terrorismo de calquera dos membros computables da unidade familiar: dous puntos.
- k) Por criterio complementario, consistente en circunstancias relevantes apreciadas xustificadamente polo órgano competente do centro, de acordo con criterios obxectivos, que terán que publicarse antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión: un punto.
- l) Polo expediente académico para ensinanzas de bacharelato a puntuación será a seguinte:
1º. Nota media de sobresaliente: dous puntos.
2º. Nota media de notable: un punto.
3º. Por nota media de ben: medio punto.
Artigo 34. Criterios de desempate
- 1. En caso de empate na puntuación total, resolverase atendendo á maior puntuación obtida en cada un dos criterios de baremo seguindo a orde de prelación do artigo 13.
- 2. Se persistise o empate, resolverase tendo en conta o resultado dun sorteo público anual que realizará a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade a última semana do mes de febreiro e, en todo caso, antes do 1 de marzo.