A Escola Infantil San Paio é unha escola destinada á primeira infancia, atende a nenos e nenas dende os 3 meses ós 3 anos de idade. Preséntase coma un espazo educativo aberto, acolledor e próximo, concibido para acompañar o desenvolvemento integral dos nenos.
A nosa metodoloxía baséase nun enfoque activo e participativo, no que o xogo constitúe o principal motor de aprendizaxe. A través de propostas lúdicas, experiencias sensoriais e actividades significativas, favorecemos o descubrimento, a experimentación e a adquisición de competencias básicas nesta primeira etapa educativa. Consideramos que aprender xogando é a forma máis natural e eficaz de construír coñecemento, polo que promovemos situacións de aprendizaxe ricas, variadas e adaptadas ás idades do alumnado.
A escola conta cun total de 8 aulas, 3 para o grupo 0-1, 2 para o grupo 1-2 e 3 para o grupo 2-3 de idade. Conta tamén cun comedor, unha sala de usos múltiples e un patio exterior que facilita o contacto co aire libre.
Traballamos con estreita colaboración coas familias. Entendemos que a educación é unha tarefa compartida, polo que fomentamos unha comunicación fluída, transparente e constante, implicando ás familias na vida do centro e no proceso educativo dos seus fillos e fillas.
Esta escola é inclusiva, respecta e valora as diferenzas individuais, garantindo a igualdade de oportunidades e a non discriminación. A nosa escola promove valores fundamentais como o respecto, a convivencia, a cooperación, a empatía e a autonomía persoal.
No ámbito lingüístico, o centro desenvolve un modelo de ensino no que o galego e o castelán teñen unha presenza equilibrada, empregándose ambos idiomas de maneira habitual nunha proporción do 50%. Ademais, introdúcese unha terceira lingua, o inglés co obxectivo de favorecer unha primeira aproximación natural e lúdica.
Traballamos para crear un clima educativo positivo no que cada neno e nena se sinta valorado e parte activa da comunidade educativa, sentando así as bases dun desenvolvemento persoal e social saudable.
Para acceder a esta escola, as familias interesadas deberán presentar a súa solicitude dentro do prazo establecido na Resolución de adxudicación de prazas que se publica no Diario Oficial de Galicia.
As solicitudes de renovación de praza e de novo ingreso coa documentación requirida presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A Escola oferta un total de 102 prazas, das cales 24 son para o grupo de idade de 0-1 anos, 26 para o grupo de idade de 1-2 e 52 prazas para o grupo de idade de 2-3 anos.
Ten 8 aulas, 3 para 0-1, 2 para 1-2 e 3 para 2-3, unha sala de usos múltiplos e un patio exterior.
A Escola ofrece servizo de comedor a través de catering.
vigo.org