Adscrito ao centro: IES Ricardo MellaO noso centro sitúase na cidade de Vigo, na parroquia de Lavadores, é un centro cun amplo patio, cheo de zonas verdes e arbores. Temos tamén unha horta e un pequeno invernadoiro. Estamos traballando man a man coa ANPA para renaturizar o patio.
A nosa acción pedagóxica parte dunha serie de principios metodolóxicos:
O paradigma educacional referente debe ser o de «aprender a aprender» e de «aprender facendo». Cumpre unha aprendizaxe significativa que se transfira a situacións da vida real e que supoña a resolución de problemas na práctica.
A organización e configuración dos espazos está directamente relacionada coa concepción que temos de como debe desenvolverse o proceso de Ensino-Aprendizaxe. Así, o espazo é concibido como algo “vivo”, en continuo movemento e coa a capacidade de ser transformado, reformulado e reorganizado. O espazo muda segundo as necesidades e intereses do noso alumnado, configurando os novos ambientes, polo que cumpre que sexa fundamentalmente versátil.
A distribución das aulas- grupo farase combinando unha planta con aulas-grupo e outra con aulas de uso específico (especialidades), fomentando deste xeito a diminución da contaminación acústica e facilitando a mobilidade do alumnado de xeito relaxado polo centro. Nas plantas onde non hai docencia directa combinaranse con espazos comúns como a aula sensorial, aula creadora, aula de construción, as aulas do profesorado especialista…
Dependendo do número de alumnado e das necesidades educativas, as crianzas poderán circular de xeito libre entre os ambientes da súa aula ou entre as aulas dun mesmo rechán (ciclo).
Dentro das aulas-clase o espazo está organizado en distintos ambientes preparados con materiais específicos de cada área de xeito que se contribúe ao desenvolvemento competencial.
É de especial relevancia a presentación do espazo dun xeito estético e minimalista, destacando pola simpleza que garanta a harmonía.
Como centro educativo temos a crenza de que cada un/ ha dos/as nosos/as alumnos e alumnas é único ou única e que existen diferentes capacidades, aptitudes e xeitos de aprender; non só respectamos esas diferenzas, senón que entendemos que a diversidade enriquécenos. Somos un centro inclusivo no que todas as actividades son de todo xénero; pulamos pola igualdade e a liberdade de pensamento, así como a inclusión e a convivencia. Apostamos polas prácticas restaurativas como método de resolución de conflitos.
Partindo da idea de escola aberta ao contorno pretendemos fomentar a participación de todos os membros da Comunidade Educativa (alumnado, profesorado e familias). Temos unha estreita colaboración coa ANPA do noso centro, pois son un eixo fundamental na nosa comunidade.
Podes ampliar a información sobre o noso centro na seguinte presentación interactiva.
Temos solicitadas as reformas de baños e biblioteca.
A ANPA xestiona o Comedor Escolar, dende as 14:00 ata as 16:00 e a Aula Matinal, dende as 7:30 ata as 9:00, así coma as diferentes actividades extraescolares.
Organizan tamén:
· Campamento de verán.
· Obradoiros en familia.
· Excursións.
· Sendeirismo.
· Asistencia a Festivais Culturais Infantís.
· Festa de Fin de Curso.
· Charlas sobre Educación.
Servizo de transporte escolar con catro paradas:
Servizo de comedor escolar de 14-16 horas, de xestión indirecta (ANPA).
vigo.org